
- Do 9 ao 11 de setembro de 2026, a Universidade da Coruña (UDC) acollerá o V International Meeting on Environmental Psychology and Urban Studies.
- Especialistas da UDC e de prestixiosas universidades chinesas como Tongji, Huazhong e Wuhan debaterán sobre neuroarquitectura, espazos terapéuticos e adaptación ao cambio climático.
- A inauguración terá lugar o mércores 9 de septembro, ás 9:00 am, na Sala de Visualizacións do CITEEC (edificio adxunto á Escola de Camiños, Campus de Elviña).
- Outorgarase diploma de asistencia (solicitarase recoñecemento de 1 crédito de libre configuración).
- Información e inscripcións: ricardo.garcia.mira@udc.es
A UDC acollerá a vindeira semana unha cita científica de primeiro nivel. Entre o 9 e o 11 de setembro de 2026 celebrarse o V International Meeting on Environmental Psychology and Urban Studies, baixo o lema “Environmental Psychology, Architecture, Urban Studies and Neuroscience”. Este foro internacional, coordinado por Ricardo García Mira e Cristina García Fontán, reúne a investigadores de España e China co obxectivo de redefinir o deseño das cidades do futuro aplicando os últimos avances na neurociencia e as ciencias do comportamento.
O encontro está organizado conxuntamente polo Grupo de Investigación Persoa-Ambiente e o CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) da UDC. Conta ademais co patrocinio da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da UDC e de GADISA, e a colaboración da rede internacional IAPS – Sustainability Network, o Centro de Formación PRAXIS e o Instituto de Estudos e Investigacións Psicosociais “Xoán Vicente Viqueira”.
Inauguración institucional e académica
A apertura oficial terá lugar o mércores 9 de setembro ás 09:30 horas no Laboratorio de Psicoloxía Social para as Transicións cara á Sustentabilidade do CITEEC. O acto contará coa participación de:
- Prof. Fernando Martínez Abella, director do CITEEC.
- Prof. Jerónimo Puertas Agudo, vicerreitor de Investigación da UDC.
- Prof. Miguel Abelleira Doldán, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura.
- Profs. He Hui e Xu Leiqing, en representación da delegación académica chinesa.
- Prof. Cristina García-Fontán, coordinadora do Grupo Persoa-Ambiente, quen fará a introdución metodolóxica do encontro.
Neuroarquitectura, saúde pública e Galicia como refuxio climático
O programa científico destaca pola súa marcada compoñente interdisciplinar, abordando temáticas clave para o benestar e a sustentabilidade urbana:
- Sustentabilidade e Deseño Saudable: Analizaranse proxectos clave de colaboración científica UE-China a cargo de Marina Martínez (CDTI Bruxelas), e o proxecto TiBeRIUM (presentado polos profesores Ricardo García Mira, Fernando Bruna e Cristina García-Fontán), centrado no comportamento humano ante o cambio climático.
- Neuroarquitectura e Espazos Curativos: O Prof. Leiqing Xu (Universidade de Tongji, Shanghai) ofrecerá unha conferencia plenaria sobre deseño ambiental e saúde pública. Tamén se exporán investigacións sobre espazos de curación (Dr. Dancheng Meng, Laboratorio de Neuroarquitectura de Tongji) e respostas afectivas aos espazos urbanos mediante tecnoloxía computacional (Prof. Xia Zhang, Universidade de Wuhan).
- O Camiño de Santiago como Paisaxe Terapéutica: As profesoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Mar Durán e Lucrezia Lopez, amosarán o potencial restaurador e socio-territorial da ruta xacobea como contorno natural e cultural.
- Seguridade e Refuxio Climático: Trataranse cuestións contornas ao risco e á seguridade en Galicia con Roberto Lage Regal (Director de PRAXIS) e o papel de Galicia como potencial refuxio climático ante o turismo e a mercantilización da natureza, da man de Uxía Varela.
Cara a unha cooperación permanente entre Galicia e China
Máis alá do debate teórico, o congreso ten unha vocación práctica. Durante a xornada do venres 11 de setembro, organizaranse tres grupos de traballo especializados para fixar liñas prioritarias en neurociencia aplicada ao deseño espacial, psicoloxía ambiental e adaptación climática.
O obxectivo final é a posta en marcha de proxectos piloto conxuntos e a creación dun grupo de coordinación permanente entre as institucións galegas e chinesas, consolidando o CITEEC e a UDC como referentes científicos globais na creación de cidades máis inclusivas, seguras e saudables. O encontro pecharase cunha visita guiada ás instalacións do Laboratorio de Psicoloxía Social do CITEEC.
Datos clave do evento
- Datas: Do 9 ao 11 de setembro de 2026.
- Sedes: CITEEC (Campus de Elviña), Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) e Facultade de Ciencias da Educación (UDC).
- Organizan: Grupo de Investigación Persoa-Ambiente (UDC) e CITEEC.
- Programa científico. Descarga aquí.
















