XXX aniversario do Instituto Xoán Vicente Viqueira

O pasado mércores, 20 de decembro celebrouse no Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña o simposio “A contribución das ciencias sociais á promoción da sustentabilidade e da innovación social”.

Este simposio está enmarcado dentro das actividades organizadas con motivo do 30 aniversario da constitución do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial Xoán Vicente Viqueira, asociación de ámbito autonómico creada no ano 1993 co obxectivo de contribuír á promoción da cultura galega en todos os seus aspectos e, especialmente, a mellorar a comunicación e a divulgación científica no eido psicosocial e ambiental.

O simposio foi inaugurado por Isabel Lema Blanco, presidenta do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial Xoán Vicente Viqueira e profesora da Universidade Internacional da Rioja, María Bobadilla Pérez, vicedecana da Facultade de Ciencias da Educación da UDC, e Pilar Vieiro Iglesias, directora do Departamento de Psicoloxía.

A continuación, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez abordou a relevancia científica de Xoán Vicente Viqueira e a súa vinculación coa bisbarra da Coruña e anunciou que o 2024 será o “Ano Viqueira” en Bergondo, impulsándose diferentes actividades que dean a coñecer a figura deste psicólogo e pedagogo que finou nos anos 20 en Bergondo e onde se conserva a súa casa familiar.

A xornada proseguiu coa presentación de Cristina García Fontán, coordinadora do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da UDC, quen falará da sustentabilidade e a transición ecolóxica na era post-Covid e a achega desde as ciencias sociais e a arquitectura.

Posteriormente, o catedrático de Psicoloxía Social e Ambiental da Universidade da Coruña, Ricardo García Mira, ofreceu un relatorio sobre os estilos de vida sustentables en Galicia, e Isabel Lema Blanco, realizou unha ponencia sobre os estilos de consumo da xuventude española e os factores psicosociais que inflúen no consumo sustentable.

O simposio rematou coa entrega de recoñecementos á traxectoria de diferentes investigadores, membros e ex-membros do Instituto Xoán Vicente Viqueira que destacaran nestes 30 años polo seu traballo, implicación e innovación na docencia e a investigación psicosocial, educativa e a sustentabilidade.

Os homenaxeados foron os seguintes:

José Romay Martínez. Catedrático de Psicoloxía Social. En recoñecemento do destacado labor desenvolvido como Presidente do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial “Xoán Vicente Viqueira”, así como pola súa exitosa traxectoria académica e recoñecida capacidade docente e investigadora no eido dos estudos Persoa-Ambiente.

Ricardo García Mira. Catedrático de Psicoloxía Social e Ambiental. En recoñecemento do destacado labor desenvolvido como Presidente do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial “Xoán Vicente Viqueira”, así como pola súa exitosa traxectoria académica e recoñecida capacidade de innovación científica e investigadora no eido dos estudos Persoa-Ambiente.

Myriam Goluboff Scheps. Arquitecta. como docente e investigadora na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC, abrindo novas liñas de investigación interdisciplinar entre a psicoloxía ambiental e a arquitectura.

Cristina García Fontán. Doutora Arquitecta. En recoñecemento da súa exitosa e premiada carreira profesional como arquitecta e paisaxista, así como docente e investigadora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC, destacando a súa aposta pola sustentabilidade e a integración da perspectiva social e ecolóxica na arquitectura.

Amelia Fraga Mosquera. Doutora en Psicopedagoxía. En recoñecemento da súa dedicación como investigadora predoutoral, explorando -na súa tese de doutoramento- o impacto psicosocial do traballo a turnos na calidade de vida laboral no contexto da Provincia da Coruña, publicando un traballo novedoso no eido dos estudos persoa-ambiente.

Nachatter Singh Kaur. Doutor en Demografía. En recoñecemento da súa capacidade de liderado no desenvolvemento de tarefas investigadoras de alta cualificación no eido do Proxecto de I+D+i “ENTRANCES”, no marco do Programa Marco Europeo Horizon 2020, coordinado polo Grupo de Investigación Persona-Ambiente da Universidade da Coruña.

Isabel Lema Blanco. Doutora en Educación. En recoñecemento da súa traxectoria como investigadora predoutoral, coa realización da tese de doutoramento “Educación ambiental e participación pública. Análise dos procesos participativos bottom-up como instrumentos de aprendizaxe para a transformación social”, e a súa dedicación distinguida nos proxectos de I+D+i europeos do Programa FP7 “GLAMURS” e “TRANSIT”, e do programa Horizon 2020 “SMARTEES”, coordinados polo Grupo de Investigación Persona-Ambiente da Universidade da Coruña.

Deixar un comentario